Colecciona os posavasos de PontevedraViva con deseño de Rei Zentolo
Por Redacción
Os novos e exclusivos deseños da empresa Rei Zentolo xa teñen a súa versión como posavasos. Este novo produto da marca galega conta nunha cara coas imaxes das novas propostas visuais da coñecida firma e pola outra co logotipo de PontevedraViva.
Estes sete novos posavasos fan referencia á clásica frase dos P.T.V: ser de Pontevedra de toda a vida ou á de para beber ou viño sempre hai xente, ou carallo e vir dar sulfato coa imaxe de Bill Murray como cazafantasmas de protagonista. Tamén hai referencias ao orgullo galego e á figura de Valle Inclán, quizais o primeiro hipster. Noutro dos posavasos xógase coa imaxe do grupo de heavy, Kiss, na frase: Pero ti que diss. Non falta un percebe que se mostra como un reivindicativo Falo Galego.
O último xoga co simbolismo da película King Kong e o xigantesco simio empolicado ao Empire State Building, só que neste caso o edificio neoiorquino é substituído pola basílica da Peregrina, á que se sobe o gorila afectado por "vapores etílicos" como consecuencia do slogan de Pontevedra "Boa Vila - dás de beber e logo pasa o que pasa".
Estes novos exemplares súmanse a outra serie que, desde hai meses, pódense atopar en coñecidas cafeterías da cidade, tamén elaboradas por Rei Zentolo e con referencias a clásicos cinematográficos como Casabranca.
Se queres levar gratuitamente unha colección de posavasos de PontevedraViva só tes que achegarte de luns a venres en horario de oficina ás nosas instalacións na praza da Estrela, 2 - 3º, na esquina da praza da Ferrería, no edificio da cafetería Carabela.