Numerosas incidencias nunha xornada de chuvias abundantes
Por Redacción
Unha explosión nun cadro da rede eléctrica xunto a unha casa abandona alertou aos veciños de Campo do Boi esta tarde. Ata a zona se desprazou unha unidade dos bombeiros de Pontevedra que practicamente non tivo que intervir porque non se produciron chamas e se alertou ao servizo de mantemento. Non se produciron danos materiais graves.
En Vilagarcía de Arousa, os bombeiros do Salnés tamén tiveron que acudir ás 18:45 horas para sufocar un incendio nunha vivenda da rúa San Roque cuxa orixe aínda non se puido determinar.
En Ponte Caldelas, segundo informou o 112, produciuse unha saída de vía dun turismo á altura de Silgoso co resultado dunha persoa ferida.
E o río Almofrei, afluente do Lérez, supera a súa canle nalgún dos seus tramos.
En Pontevedra mantense un operativo de vixilancia permanente controlado dende a Estación de Bombeiros para evitar incidencias ante a alerta laranxa establecida ata esta media noite.