Os veciños de Vilalonga están dispostos a ceder terreos gratuitamente para que a Xunta faga beirarrúas
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, solicitará á Xunta a dotación de beirarrúas na marxe dereita da estrada que vai a Vilalonga. Os veciños desta zona mantiveron unha reunión co rexedor na que lle trasladaron os problemas de inseguridade que lles xera o feito de carecer dalgún elemento seguro que lles permita circular, como peóns, por esta contorna. Na reunión estivo presente, Daniel Fernández, concelleiro de Urbanismo.
O tramo que suscita a preocupación veciñal é o que une o vello cuartel da Garda Civil co cruzamento cara a Rouxique. Na súa marxe dereita, en dirección a Vilalonga, os veciños carecen dun paso de peóns que lles garanta unhas mínimas condicións de seguridade para cruzar o viario, pero tampouco dispoñen de beirarrúas que lles illen do intenso tráfico que circula por esta estrada interior.
Na reunión mantida co alcalde, os veciños trasladáronlle que dispoñen xa das cesións gratuítas de todos os propietarios afectados por este tramo polo que o Concello estaría en disposición de poñer os terreos a disposición da Xunta para que acometa esta obra de seguridade viaria nunha estrada que é da súa titularidade.
Por iso, Gonzalo Pita comprometeuse cos veciños para xestionar e tramitar este investimento ante a Consellería e así llo exporá a Ethel Vázquez na reunión que solicitou fai xa catro meses, e na que abordarán tamén outras cuestións relacionadas coa seguridade viaria no termo municipal e entre as que destaca a licitación da primeira fase do proxecto da PO 308, na Lanzada ou a urxencia dunha remodelación global na estrada Progreso.
En Vilalonga trátase dun tramo de 150 metros de lonxitude que resolvería os problemas de inseguridade que agora padecen os veciños e que contribuiría ademais á humanización dunha contorna moi transitada polos residentes nesta zona de Sanxenxo.
"A Xunta ten que empezar a prestar atención ás estradas que ten no noso término municipal e a entender que as ten que incluir nas actuacións previstas para mellora da seguridade vial. Sanxenxo é un municipio turístico que ten que deixar que de dar esta imaxe de abandono por parte de determinadas institucións que está a dar e a Consellería ten que entender que Sanxenxo e os seus cidadáns teñen dereito a esixir un trato igualitario e, sobre todo, a demandar medidas de seguridade, evitando pór en risco a súa vida cando teñen que camiñar pola rúa", explica Gonzalo Pita.
Para esta contorna a concelleira de seguridade de Sanxenxo, Vanessa Rodriguez Búa solicitou tamén á Deputación Provincial unha actuación, na estrada interior que sobe cara a Noalla, partindo do antigo cuartel da Garda Civil. Concretamente nese viario quere que o ente provincial proceda ao repintado de todo o firme, facilitando así aos condutores sinais horizontais de referencia que á súa vez protexan aos viandantes.