As salchichas dun metro triunfan nun Outubrofest con novo récord de público
Por Redacción
O Outubrofest segue crecendo e gañando incondicionais na praza do Teucro. A medianoite deste martes botará o peche cun novo récord de participantes, que os organizadores sitúan nunha cifra superior ás 25.000 persoas contabilizadas en 2014 e mesmo preto das 30.000.
O presidente do Pontevedra Rugby Club, entidade organizadora, Félix Álvarez, fixo un balance moi positivo da festa a unhas horas de que a carpa se pechase ao público. Atribúe o aumento do número de visitantes a que este ano a festa prolongouse un día máis aproveitando o día festivo deste martes, pero tamén ao apoio dos pontevedreses, que xa converteron a festa nunha celebración máis da cidade.
Segundo explicou Félix Álvarez, este ano, unha vez máis, o sábado foi o día con maior afluencia de público. Entre as oito da tarde e a medianoite houbo picos cunhas 1.000 persoas ao mesmo tempo na carpa, 800 sentadas e varias decenas máis nos corredores e facendo colas. Houbo momentos de grandes colas tanto nas barras de comida como nas de cervexas.
Este ano, como novidade, notaron un salto cuantitativo no consumo de salchichas dun metro, vendidas a 10 euros con gran demanda. En anos anteriores xa funcionara, pero nesta sétima edición incrementáronse notablemente as vendas. Non foi o produto máis demandado, pero si o que máis creceu. Tamén o codillo tivo gran aceptación e, de sobremesa, a torta de almedra da Santiña que se incluíu na carta o ano pasado porque os asistentes demandaban un prato doce para terminar a enchente.
Félix Álvarez deu as grazas a todos os asistentes e, de forma especial, aos voluntarios que colaboran desinteresadamente para que a festa poida cerlebrarse. En toda a fin de semana colaboraron unhas 250 persoas entre xogadores, socios e familiares. Sen eles "esto sería imposible", sostén o presidente do club, que realiza esta festa anualmente desde fai sete anos para axudar a financiarse.
Relacionadas:
-
A Outubrofest encara a recta final vento en popa tras recibir xa a 15.000 persoas
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Seis días de Outubrofest para encher Pontevedra de cervexa e salchichas
Por Mónica Patxot |
-
Pontevedra xa está de Outubrofest
Por Redacción |
-
O 29 de outubro volve o Outubrofest, unha festa popular que Pontevedra xa "fixo súa"
Por Redacción |
-
A Outubrofest bota o peche cun novo éxito colleitado
Por Diego Torrado |