Investigan unha agresión entre alumnos nun instituto de Poio
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un menor resultou ferido na mañá deste luns e tivo que ser trasladado a un centro médico tras sufrir unha agresión presuntamente a mans doutro menor no recinto escolar do instituto Fontenla de Poio. Fontes da delegación territorial de Pontevedra da Xunta de Galicia, a través da inspección educativa, confirman a agresión, avanzada polo xornalista Javi Casal no Diario de Pontevedra.
Fontes da Administración autonómica indicaron que a inspección educativa xa ten coñecemento dos feitos, acontecidos á primeira hora da mañá entre dous de alumnos do centro de secundaria. Ao escolar que presuntamente agrediu un compañeiro xa se lle abriu expediente, que pode derivar na expulsión ou noutra medida disciplinaria.
A Garda Civil indicou este martes que, 24 horas despois dos feitos, aínda non recibiu ningunha denuncia sobre o sucedido. De todos os xeitos, a Garda Civil si actuou e este martes pola mañá acudiu ao centro para dar unha charla aos alumnos sobre a importancia de aplicar normas de convivencia e para conciencialos da repercusión dos seus actos, que poden terminar no xulgado.
Segundo informou a Xunta, profesores do centro trasladaron ao centro de saúde ao agredido para ser atendido de urxencia, pero o seu estado de saúde non repertía moita gravidade. Este martes xa acudiu a clase con normalidade.
Para tentar atallar a situación, os profesores e a dirección do centro celebraron un acto de conciliación entre os dous menores implicados, segundo aparece recollido no decreto de lei de convivencia nos centros educativos.
Desde Educación rexeitan que exista unha situación de tensión ou conflitividade no instituto, pero si recoñecen que recentemente se realizou unha reunión entre a inspección educativa, o equipo directivo do centro, a Consellería de Eduación e o Concello de Poio para estudar a convivencia no centro e solicitouse a intervención do equipo de orientación específico.