Deteñen unha muller por roubar roupa e enfrontarse ao garda de seguridade que a 'pillou'
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron este xoves a unha muller como presunta autora dun delito de roubo con violencia tras ser sorprendida furtando pezas de roupa da tenda H&M da rúa Benito Corbal e enfrontarse ao garda de seguridade do establecemento que lle deu o alto.
Os feitos ocorreron poucos minutos antes das 21.00 horas. A muller collera na tenda varias pezas valoradas en algo máis de 80 euros e, cando saía, o garda de seguridade da tenda, parouna e recriminou o furto. Nese momento, arremeteu contra el, dándolle golpes, de modo que a retivo e os responsables do establecementos alertaron á Policía Nacional.
Os axentes policiais que se desprazaron ao lugar atopárona coa mesma actitude violenta que mantivera co garda. Os axentes procederon á súa detención e traslado á Comisaría Provincial, aínda que desde alí a muller pediu ser trasladada a un centro médico.
A detención causou gran expectación na rúa Benito Corbal, ao producirse a unha hora que coincide co peche de moitos negocios e no que gran cantidade de persoas pasean pola zona comercial de Pontevedra.