Estudantes de 30 universidades analizarán en Pontevedra a titulación de Ciencias da Actividade Física e do Deporte
Por Redacción
A facultade de Ciencias de Educación e do Deporte de Pontevedra acollerá entre o 18 e o 22 de novembro a décima xuntanza anual da asemblea nacional de estudantes desta titulación (Anecafyde), que se completará cunhas xornadas formativas, o mércores 18, nas que participarán, entre outros, o campión olímpico David Cal e o médico e o readaptador físico do Atlético de Madrid.
Os organizadores mantiveron este venres unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para abordar aspectos relativos a esta actividade, que se celebra por primeira vez na cidade e en Galicia e permitirá afondar na situación actual dos graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e nas súas perspectivas de futuro.
Á asemblea anual están citados estudantes de 30 facultades de España, se ben aínda non hai confirmada a asistencia de todos eles e prevese que acudan entre 40 e 45 persoas, segundo explicaron Lara Piñeiro e Diego García e o vicepresidente da Anecafyde, Javier Prieto, todos eles alumnos da facultade pontevedresa.
O mércores 18 as xornadas formativas estarán abertas ao público e abordarán cuestións como a regulación das profesións vinculadas ao mundo do deporte, as saídas profesionais dos titulados e tituladas ou o papel que estes poden xogar na sociedade. Pola mañá haberá unha mesa de debate na que participarán Vicente Gambau, presidente do Consejo General de Colegios Profesionales de la Educación Física y del Deporte (Colef); Luis Cereijo, presidente da Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (CREUP); e Javier Espasa, presidente de Anecafyde.
Pola tarde, continuarán cunha mesa sobre o papel que xogan os titulados e tituladas na actualidade, na que estarán presentes Francisco Javier San Miguel, médico do Atlético de Madrid; Pablo Pérez, readaptador físico deste mesmo club de fútbol; e o padexeiro, retirado desde hai uns meses, David Cal, o deportista español máis laureado nos Xogos Olímpicos.