Falece o arquitecto e ex concelleiro do PP Ricardo Aguilar
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O ex concelleiro do PP e coñecido aquitecto pontevedrés Ricardo Aguilar Argenti faleceu na mañá deste venres en Pontevedra tras unha longa enfermidade que o mantivo durante os últimos meses afastado da vida pública.
A súa familia pediu velalo e enterralo na intimidade, pero este sábado celebrarase un funeral público ás 18.00 horas na basílica de Santa María.
Aguilar Argenti faleceu no Hospital Domínguez de Pontevedra, onde estaba ingresado polo empeoramento do seu estado de saúde. El mesmo fixo público en xuño de 2014 que padecía un cancro polo que xa estaba a recibir tratamento de quimioterapia.
A enfermidade deixouse notar na aparencia física de Aguilar Argenti, moi feble nos últimos meses. O xa ex concelleiro presentábase ás eleccións municipais do 24 de maio como número 11 da lista do PP, pero non participou activiamente na campaña electoral e quedou fóra da nova Corporación.
Ricardo Aguilar, de 67 anos, foi concelleiro en Pontevedra dende o ano 2007 ata o pasado xuño. Na súa vida profeional como arquitecto tiña o seu despacho ubicado no Paseo de Colón.