Moreira aporta agora oito ataques á capitalidade nos que Lores se "puso de perfil"
Por Redacción
O portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, volveu comparecer este venres ante os medios de comunicación para insistir nas súas críticas ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, por permitir que o seu homónimo de Vigo, Abel Caballero, ataque á capitalidade de Pontevedra na modificación do decreto que regula a área metropolitana de Vigo. Pouco máis de 24 horas despois da súa primeira rolda de prensa sobre o asunto, o líder do PP convocou de novo á prensa para insistir no perigo e, nesta ocasión, poñer sobre a mesa ata oito feitos concretos ocorridos desde o ano 2005 nos que se puxo en risco a capitalidade mentres a resposta de Lores foi "ponerse de perfil".
Moreira compareceu, segundo explicou, para responder as declaracións sobre o particular realizadas polo alcalde nas últimas horas, nas que lle recriminaba que "quen dividiu a provincia en dúas zonas foi ou Partido Popular" con decisións como a creación dunha delegación da Xunta e dúas seccións da Audiencia Provincial en Vigo ou o peche da delegación da Radio Televisión de Galicia na cidade. Ante estas palabras, Moreira bota en cara que o alcalde "no puede permanecer callado", pois "el que calla, otorga" e "un silencio del alcalde de Pontevedra es muy peligroso".
A creación en Vigo da sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas ou da sede provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social mentres Pontevedra queda cunha sede territorial, a aparición da Fiscalía de Área de Vigo, a instalación na cidade olívica do Xulgado do Mercantil, a apertura en Ourense da facultade de Turismo e en Vigo da Escola Superior de Arte Dramática, a creación do rexistro mercantil vigués ou a actitude do alcalde ante a reforma da lei de planta xudicial. Estes son os oito fitos que Moreira reprocha a Lores que deixase pasar sen actuar. Ante a novo da área metropolitana, "tiene que tener una respuesta del alcalde de Pontevedra".
"Contra estos hechos, Lores estuvo callado y son hechos consumados", critica Moreira, que ve na intención de Abel Caballero en relación coa área metropolitana unha consumación dunha tendencia que foi en aumento desde a constitución da nova Deputación Provincial cun Goberno Bipartito de PSOE e BNG. Cando se formalizou o pacto entre ambos os partidos Moreira alertou de que "Pontevedra iba a perder peso" e agora constatou que "lo está perdiendo y quieren que pierda todo el peso que tiene".
"Parece que el final lo que han pactado en la Deputación han sido cargos y salarios, pero no ha sido un pacto a favor de Pontevedra", denuncia Moreira, que ve que o alcade de Vigo ten un "complejo permanente por no ser capital de provincia", complexo que "non teñen os vigueses nin os pontevedres", senón tan só el.
Tanto o BNG como o PSOE lembraron nas últimas horas a Moreira que a modificación da área metropolitana é unha competencia da Xunta de Galicia, na que goberna o PP. Ante esta evidencia, o líder do PP local asegurou que "no vamos a compartir esta modificación y así lo vamos a trasladar a nuestro partido".
Relacionadas:
-
Lembran a Jacobo Moreira que é o PP quen dará cobertura legal á capitalidade de Vigo
Por Oskar Viéitez |
-
A presidenta da Deputación invita a Jacobo Moreira a "googlear" para entender o que é unha área metropolitana
Por Anxo Lourido |
-
Lores a Moreira sobre a capitalidade: "A área metropolitana de Vigo é un bluff. Quen dividiu a provincia foi o PP"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP acusa a Lores de permitir os ataques de Caballero á capitalidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |