A xestión das emerxencias, dende dentro: cara o reto da integración e a coordinación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Co 112 no horizonte e a integración e a coordinación como obxectivos. Así viven a xestión das emerxencias e a protección cidadá quen traballa desde dentro para previr que non se produzan urxencias inesperadas e, no caso de que sucedan, minimizar o impacto das mesmas na poboación. O seu reto é conseguir que, ante calquera emerxencia, o cidadán saiba que o número único europeo e gratuíto 112 ofreceralle unha atención integral e traballar de forma integrada e coordinada para ofrecerlle unha resposta de calidade no menor tempo posible, un camiño no que se empeñou especialmente a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.
Para explicar esta visión, PontevedraViva reuniu no ciclo informativo ‘Almorzos do Carabela’ ao director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Luís Menor; o xefe provincial da Policía Autonómica en Pontevedra, José Manuel González; o xefe de agrupación de Protección Civil de Caldas, José Sieiro; e un dos técnicos encargados dos dispositivos de seguridade e prevención do Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra, David Araújo.
Analizan o estado actual e as taras pendentes, que, para David Araújo é "simplemente a coordinación 2.0"; para José Sieiro, "potenciar as agrupacións de Protección Civil como un eixo primoricial e de apoio ao resto de servizos, como o órgano de maior proximidade ao cidadán"; e para Luís Menor, "definir entre todos unha estratexia integral de prevención, de proteción civil e de xestión da emerxencia". Ademais de dar a coñecer máis o traballo de cada quen, pois moitas das tarefas aínda son descoñecidas: "Quen le a cláusula do seguro do coche ata que ten un accidente? Absolutamente nadie".
A tendencia a nivel mundial é camiñar cara a modelos que permitan unha xestión integrada dos recursos dispoñibles que, en Galicia, tradúcese no traballo realizado desde a Axencia Galega de Emerxencias e o 112. Déronse pasos cara a esa integración?
Luís Menor: Desde o punto de vista da administración autonómica e as competencias que ten, falar de integración ou polo menos de coordinación operativa e funcional é un obxectivo insoslaiable. Elaborar protocolos, dialogar, optimizar os recursos, todo para dar a resposta máis eficiente ao cidadán. Todos os sectores implicados cada vez somos máis conscientes que por encima de localismos ou de posibles personalismos é obvio que todo o mundo busca a integración. As entidades somos cada vez máis proclives. Quizais tamén a crise e a posibilidade dos recursos sexan cada máis finitos e limitados e non se poida facer un reino de taifas ou tentar dar unha solución exclusiva unilateralmente fixo que a colaboración sexa cada vez máis.
José Sieiro: O modelo é non só a integración, senón que nos coñezamos e interactuemos todos os que formamos parte do sector das emerxencias. Se o facemos de maneira conxunta, estamos a aforrar segundos, que posteriormente se transforman en minutos e iso é unha maior calidade de face ao cidadán. O beneficio para a poboación é indubidable.
David Araújo: No noso ámbito dos eventos deportivos, creamos un microespazo con condicións controladas. A nivel xeral, a parte boa da crise é que fai que se optimicen os recursos e esprémanse moito máis as posibilidades, que saiamos da nosa aldea e abramos as portas a que outros entren. É boa a interrelación entre as partes; o coñecemento, tomar un café, falar... é o que xera plans e métodos e confianza entre as partes.
Prestar o mellor servizo ao cidadán no menor tempo posible é o obxectivo de toda xestión de emerxencias. Que hai que facer para conseguilo?
José Sieiro: Eu creo que hai que partir da educación á poboación, ese é o alicerce fundamental para que toda a nora do sistema de emerxencias teña un funcionamento óptimo. Parece que a día de hoxe a xente descoñece a capacidade que abarca o 112.
José Manuel González: Que a xente estea informada e coñeza ese número para min tamén é fundamental porque o 112 vainos a permitir que envíe os medios máis adecuados en cada momento.
Luís Menor: A mellor emerxencia é a que se prevé e evita e, por tanto, a educación en emerxencias, a prevención, a planificación dos riscos, a xestión dos mesmos é absolutamente insoslayable e logo, se se produce a mesma, tentar minimizar os danos. A resposta debe ser o máis homoxénea e coordinada posible e para iso imos potenciar a utilización do 112. O edificio que estamos a promover na Estrada está concibido conforme a esta natureza integradora. Non se trata dun simple lugar onde se reciben as chamadas, senón que ten natureza de centro integrado de atención das emerxencias. Traballos coa idea desa primeira atención e resposta profesional, unido á existencia de protocolos que determinen como se xestiona adecuadamente unha emerxencia e coa vontade de que non se trata dunha competición senón de dar o mellor servizo.
David Araújo: Creo que a prevención de problemas maiores está a relegarse de maneira moi importante na tecnoloxía e a tecnoloxía non o é todo. Hai que incidir nela, pero hai que incidir máis na coordinación, e poñerse na mesma mesa as administracións local, autonómica, estatal, as asociacións civís. Ou o día que a tecnoloxía non funcione, aquí vaise montar un batifondo.
Na sociedade actual é inevitable que se introduciron no debate as novas tecnoloxías. Ata que punto xa están implantadas? Como cambiaron as relacións co cidadán?
David Araújo: No mundo do deporte, a tecnoloxía é moi importante a nivel de seguridade porque, por unha banda, condúceche a perigo e, por outra pode ser a solución do problema porque eu en calquera momento podo estar no medio da ría porque envorquei ou estar nos Ancares escalando, chamar ao 112 e vanme a rescatar.
Luís Menor: Desde o 112 as novas tecnoloxías son o alicerce fundamental de actuación. De feito, a construción do novo edifico e o equipamento ten un investimento de 12 millóns de euros e case 5 son en infraestrutura de telecomunicacións. É un investimento absolutamente necesario para dar resposta á sociedade actual. Tecnoloxía, si, pero tamén, e fundamentalmente prevención, educación, coordinación.
José Manuel González: Ás veces tamén son fundamentais os ensaios que se fan ante, por exemplo, unha posible catástrofe, é importante que os que van estar alí ao pé do canón o practique, vexan os fallos que houbo e os corrixan.
Unha parte importante do éxito da xestión de emerxencias reside en que o persoais estea preparado. Como está a formación de quen vos dedicades a isto?
José Manuel González: Eu creo que todo é mellorable. Xorden cuestións novas, o mundo vai evolucionado, a tecnoloxía vai disparada, case máis que nós, xorden actividades novas que producen maior risco para a cidadanía e iso creo que nós debemos estar máis formados.
Luís Menor: Está ben, pero todo é susceptible de melloras e niso estamos. Ata agora non había unha formación regrada, un non estuda un FP ou unha carreira para ser bombeiro ou directivo dun servizo municipal, senón que un fai a súa formación e logo vaina adecuando, case se autoforma. A Academia Galega de Seguridade agora mesmo fixou tres alicerces moi claros: formación académica, certificados profesionais e formación para cubrir necesidades puntuais. E por suposto estamos enteiramente abertos á celebración de cursos específicos que se nos faga. (Previamente, David Araújo expuxéralle a posibilidade de máis cursos para técnicos que, como el, coordinan dispositivos de seguridade, pero non traballan nas Forzas de Seguridade).
José Sieiro: Cada X tempo é necesario irse readaptando e complementar con cursos anexos. A continua reciclaxe vainos a permitir crecer.