Esnaquizan sete bancos de pedra na área recreativa da Ínsua
Por Redacción
Sete bancos de pedra da área recreativa de Carreira Ancha, na parroquia de A Insua, quedaron totalmente esnaquizados durante a pasada fin de semana.
Os axentes da Policía Local de Ponte Caldelas levantaron atestado do sucedido e practicaron diferentes probas para axudar a determinar quen puido ser o autor ou autores deste acto de vandalismo. Ademais, a Garda Civil -alertada polo goberno municipal- iniciou xa a investigación coa intención de dar co paradoiro dos responsables.
As forzas da orde están seguindo diversas liñas de investigación que relacionarían os estragos causados nos colectores de lixo en Chaín e o espallamento de lixo polos arredores co incidente en Carreira Ancha.
"Non imos tolerar que no noso concello se actúe dese xeito que non é nin un modo de divertirse nin moito menos un comportamento que podamos consentir. Faremos todo o posible para que esto non se repita e estaremos moi atentos para que quen o fixo o pague”, sinalou o alcalde, Andrés Díaz.