Ofensiva contra a maleza en Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo puxo en marcha un intenso operativo de roza de maleza e limpeza de beiravías para poñer a punto os viarios interiores do municipio.
Para poder poñer en marcha este operativo, tres máquinas da Mancomunidade do Salnés reforzan o parque móbil municipal ata o vindeiro venres día 23, segundo informou o Concello a través dun comunicado. Esta maquinaria céntrase en pistas públicas que son de zahorra. Este é o caso da chaira e acceso ata As Telleiras, en Vilalonga.
Este operativo de limpeza completará o realizado hai xa unhas semanas por máquinas da Deputación Provincial de Pontevedra, centradas tamén na roza de maleza nos viarios provinciais e que será ampliado co desprazamento a Sanxenxo dunha máquina que limpe o interior dos tubos que canalizan as augas pluviais.
O edil de Servizos, Maxi González, indicou que o Concello tenta deixar os camiños municipais preparados para o inverno, pois considera que "a limpeza das cunetas é fundamental, así como que a maleza non as invada, para garantir que as augas pluviais teñan un canle polo propio polo que discorrer, sen causar danos nas estradas nin entorpecer a circulación dos peóns".