Chan da Barcia, eixe central este sábado da I Xuntanza Moteira de Ponte Caldelas
Por Redacción
As inmediacións de Chan da Barcia acollerán este sábado 10 de outubro a primeira edición da Xuntanza Moteira que organizará en Ponte Caldelas o Moto Club Redondela. Trátase dun evento que busca xuntar aos amantes do mundo do motor sobre dúas rodas.
A principal actividade será unha marcha turística por varios lugares do municipio, así como dos veciños de A Lama, Fornelos de Montes e Cotobade. A saída está prevista para as 17.00 horas e a chegada, unha hora máis tarde. Entre os participantes estará tamén o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que pilotará unha scooter de 125 centímetros cúbicos.
As motos quedarán estacionadas en Chan da Barcia, polo que permanecerá pechada a rúa ao tráfico e as persoas que se acheguen poderán ver as distintas motos que asistan a esta xuntanza.
A organización ten previstas diversas actividades para facer deste encontro unha experiencia divertida con xogos moteiros, música a cargo dun DJ e degustación gratuíta de pinchos para todos os asistentes á marcha.
A esta xuntanza está previsto que se acheguen participantes pertencentes á ducia de asociacións moteiras existentes en toda Galicia que teñen posto neste evento unha das súas citas obrigadas da temporada. Haberá para eles unha carpa así como un servizo de bar para que os participantes podan estar a cuberto e con avituallamento. Tamén haberá postos de roupa e complementos moteiros, venta ambulante de bocadillos e ata unha rosquilleira.
Os membros do Moto Club Redondela, na presentación desta iniciativa, sinalaron que apostan por consolidala para que sexa unha cita obrigada no calendario moteiro de toda Galicia.
CRÍTICAS DO PP AO ALCALDE
Tras anunciarse a celebración desta xuntanza moteira, o portavoz do PP, Perfecto Rodríguez, mostrou o seu apoio a esta iniciativa, ao entender que atraerá visitantes á vila. Pero aproveita para recordarlle ao alcalde que, cando el estaba na oposición, criticou a organización dun evento similar polo gasto económico que xeraba. "Facer tanta demagoxia ten o problema de que ao final hai que rectificar e comer algunas palabras", afirma o ex alcalde.