Deputación de Pontevedra e Universidade de Vigo convértense en aliados
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, mostraron a súa satisfacción polo "absoluto entendemento" entre ambas institucións que se plasmará o próximo mes coa firma dun acordo marco de colaboración institucional que presentará a propia universidade, e que será o primeiro na historia do organismo provincial.
Tras a reunión entre Silva e Mato, a presidenta da Deputación cualificou de "fundamental" a relación entre ambas institucións e anunciou que "á máxima brevidade constituirase unha comisión mixta que marcará a axenda dos temas prioritarios que repercutirán en áreas sensibles para o desenvolvemento da provincia e que desenvolverán posteriormente grupos de traballo específicos con técnicos de ambos organismos".
"Necesitamos o talento e o coñecemento nesta Deputación", dixo Carmela Silva
"Necesitamos o talento e o coñecemento nesta Deputación e non se entendería unha ausencia de relación entre ambas as partes porque pode axudar moito a esta provincia, a modernizala, a traballar en rede e a aplicar os principios de bo goberno", engadiu Silva. "Queremos acordos prácticos para unha Deputación que está moi necesitada de coñecemento e de ideas que son as que cambian o mundo".
Pola súa banda, o reitor coincidiu coa presidenta na transcendencia do acordo xa que desde a universidade queren contribuír ao desenvolvemento económico e social de Pontevedra e que "aínda que é algo prematuro avanzar os temas nos que se priorizará esa colaboración, haberá iniciativas relacionadas coa mocidade, o deporte, o equilibrio territorial, a cultura ou o medioambiente".
Salustiano Mato engadiu que é a primeira vez que Deputación e Universidade danse a man de forma tan importante "xa que ata agora aínda que a relación era cordial, a colaboración limitouse a accións puntuais xa que era moi difícil concretar proxectos conxuntos".
"O importante, dixo o reitor, é que a Deputación abre as súas portas de par en par á Universidade de Vigo e a universidade abre as súas á Deputación. Así imos crear todo un sistema de sinerxias".