Deteñen un mozo de Meis acusado de roubar en dúas vivendas, dous estancos e unha nave industrial
Por Redacción
Dous domicilios particulares, dous estancos e unha nave de material eléctrico. Son os roubos dos que a Garda Civil de Cambados responsabiliza a A.V.V., de 28 anos de idade e veciño de Meis. Trátase de sucesos que se produciron, segundo o Instituto Armado, durante os dous últimos meses.
A detención deste mozo, que se produciu o pasado sábado 12 de xaneiro, é froito das investigacións dos axentes da Garda Civil de Cambados iniciaron tralas primeiras denuncias por roubo, que datan de decembro.
Segundo a Benemérita, para cometer estes delitos o detido forzou unha das fiestras das vivendas, nun dos estancos realizou un butrón desde outro local contiguo e no outro rompendo a uralita do tellado. Ademais, asegura que na nave de material eléctrico forzou a verxa para despois romper o cristal dunha das fiestras utilizando o propio vehículo da empresa, que se atopaba coas chaves postas. Con el transportou os efectos subtraídos e logo devolveuno á nave.
Ademais da detención, os axentes recuperaron tamén parte dos efectos subtraídos nun rexistro realizado no seu domicilio. Estaban ocultos nun zulo baixo terra, situado na parte traseira da vivenda.
O detido, que conta con amplos antecedentes policiais, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados. Quedou en liberdade con cargos.