En outubro, hefestízate!

Por Redacción
Chega outubro e Pontevedra entra no mes Hefesto. O programa municipal co que se busca incluír a discapacidade nas actividades que integran a vida do concello amosará o traballo que levan realizando ao longo de todo este ano cos medios de comunicación, sector no que se centra a temática nesta ocasión.
O programa Hefesto pretende amosar unha nova imaxe das persoas con diversidade funcional e a través del realízanse actividades innovadoras e incursións en áreas que non son habituais para este colectivo.
E con este obxectivo na mente, os membros de Hefesto, usuarios das asociacións Amizade, Down-Pontevedra Xuntos, Juan XXIII, Alba, Amencer-Aspace, Asociación de Xordos de Pontevedra "Río Lérez" e ASSEII, realizaron diferentes iniciativas cos medios de comunicación da cidade.
En PontevedraViva serán os protagonistas da nosa edición dixital, mentres que en Radio Pontevedra gravaron jingles e sairán no programa Vermú con SER, en Onda Cero colaborarán nun informativo, na Cadena COPE crearán unha radionovela, no Diario de Pontevedra participarán no suplemento dominical e no Faro de Vigo e na Voz de Galicia publicarán un artigo de opinión. Ademais, acompañarán a varios reporteiros gráficos nun día de traballo.
O traballo de Hefesto durante estes meses previos está sendo coordinado por un grupo de profesionais que están a elaborar unha unidade didáctica destinada a centros de ensino, e conta coa colaboración da área de Comunicación Audiovisual e Publicidade do Campus de Pontevedra, así como dos expertos en redes sociais Manuel Quiroga e Mario Gallego.
Todas estas intervencións véñense gravando para crear un vídeo que se emitirá o vindeiro 3 de decembro, ás 20.00 horas no Teatro Principal onde se celebrará o Día Internacional das persoas con discapacidade.
Relacionadas:
-
'25 anos, 25 desexos, 25 persoas' de Amencer-Aspace
Por Redacción |
-
Gala Hefesto 2015. Feliz día da (dis)capacidade
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Eu tamén teño dis-capacidade! Hefestízate!
Por Redacción |
-
VIDEO.-"Como prefire que lle chamemos? Miguel Anxo? Lores? Lorix?"
Por Redacción |
-
A voz do Hefesto xa está nas ondas
Por Redacción |
-
O programa Hefesto 2015 achega a persoas con discapacidade aos medios de comunicación
Por Redacción |