Comeza o macroxuízo na Audiencia contra 19 acusados detidos hai oito anos na Operación Piraña
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial acolle desde este xoves 1 de outubro o macroxuízo contra a rede dedicada ao tráfico de drogas liderada polo cambadés Ramiro Vázquez Roma que foi detida por Vixilancias Aduaneiras na Operación Piraña en outubro do ano 2007.
No banco dos acusados sentaron 19 imputados entre implicados directamente na actividade de narcotráfico e colaboradores para o branqueo de capitais. A rede foi desarticulada cando tentaba introducir máis de 3.000 quilos de cocaína en dúas embarcacións que foron detidas en Bueu e en Porto Meloxo (O Grove).
Entre os asistentes á vista atopábase a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño, a principal loitadora contra o narcotráfico en Galicia que acudía para mostrar o seu apoio a un dos implicados na operación que, fai oito anos, era toxicómano pero que, segundo apuntou Avendaño, xa ten a vida organizada, con fillos e traballo no mar. "Comenteu un delito e quere evitar que se lle trunque a súa vida", indicou a coñecida como a nai coraxe galega.
Neste sentido, Avendaño lamentou o atraso xudicial para alertar de que os implicados neste caso son restos das grandes organizacións de narcotraficantes que tiñan actividade nas costas de Galicia. "Hoxe non están tan montadas, agora xa non teñen aqueles liderados. Hai máis control", indicou a presidenta de Érguete, pero afirmou que os gobernos se están esquecendo de que foi un problema moi grave que se non contase co movemento asociativo para combatelo "seguramente hoxe viviriamos moi intranquilos todos porque tería unha forza económica e persoal moi grande". Sinala que pequenos grupos continúan realizando actividades de narcotráfico colaborando con organizacións internacionais e que o goberno está a destinar cada vez menos recursos a loitar contra esta actividade. "Pedimos que se reforce e que siga prestándose unha atención especial como zona de risco ás costas galegas", concluíu Carmen Avendaño.
Dos 19 imputados, só un mantense no cárcere ao ser detido noutra operación contra o narcotráfico en Marín. O resto xa se atopa en liberdade tras superar o tempo de prisión preventiva. Algún dos implicados presentouse ante a xuíza co seu rostro completamente tapado utilizando gorra, bufanda e lentes. Durante as cuestións previas, varios avogados da defensa solicitaron a nulidade de escóitalas telefónicas realizadas durante a investigación do caso e presentadas como probas no auto. A maxistrada titular indicou que esa cuestión valorarase en sentenza tras a declaración dos acusados, prevista a partir do luns 5 e das numerosas testemuñas e peritos.
Para este macroxuízo reservouse unha das salas da planta baixa da Audiencia que conta cunha zona ampla para a presenza de todos os avogados da defensa. Está previsto que a vista se estenda ao longo de todo o mes de outubro.
Relacionadas:
-
O narcotraficante Ramiro Vázquez Roma, condenado a once anos de prisión
Por Redacción |
-
O fiscal modificará a petición de penas e multas a parte do clan do narco Vázquez Roma
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A Fiscalía e as defensas negocian un acordo tras a confesión do clan Roma
Por Oskar Viéitez |
-
Vázquez Roma asegura estar arrepentido e confesa un transporte de tres toneladas de cocaína
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O xoves dará comezo o macroxuízo por narcotráfico contra 20 membros do 'Clan Roma'
Por Redacción |
-
Un macroxuízo sentará no banco á rede acusada de sementar de fardos de droga as Rías Baixas
Por Natalia Puga |