Tres anos de prisión para dous veciños de Vilagarcía por trasladar heroína e cocaína
Por Redacción
A parella de Vilagarcía de Arousa acusada dun delito contra a saúde pública aceptou a pena solicitada pola Fiscalía de tres anos de prisión e multa de 16.000 euros na vista sinalada na Sección Segunda da Audiencia Provincial para a mañá deste martes 29 de setembro.
Ambos están acusados do traslado de droga. A muller levaba oculta baixo a roupa cocaína e heroína destinada á venda mentres que o home conducía unha furgoneta que empregaba para a repartición das sustancias.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 1 de Caldas. O avogado da defensa afirmou que tentará iniciar os trámites para que se lle conceda o indulto á muller.