Coñecen esta vivenda de Pontevedra? Os arquitectos premiárona co Gran de Area
Por Redacción
As delegacións de Pontevedra e de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron este xoves 24 os galardóns da décimo terceira edición dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2015. Con estas distincións recoñécese o traballo de arquitectos, promotores, construtores e aparelladores da provincia polo seu labor en equipo e traballo conxunto destinado a realizar unha obra arquitectónica de calidade.
Este ano presentáronse cincuenta propostas de diversas escalas e localizacións, que segundo a organización ofrecen un compromiso coa arquitectura responsable. O xurado estivo composto polos presidentes das delegacións de Pontevedra e de Vigo do Colexio de Arquitectos, Manuel Abelleira e Antonio Davila, un colexiado de cada delegación e a arquitecta María Pierres premiada na edición anterior, ademais da secretaria da delegación viguesa.
Premiáronse sete obras cuxos autores recibirán diplomas nun acto que se celebrará en Vigo. Por Pontevedra resultaron escollidos os traballos da vivenda "Escama e Pilar", da Glorieta de Compostela, realizado por María García Amandi Joglar e Jorge de Uña Santos. Ademais en Meis premiouse o Taller artesanal en Armenteira, elaborado polos arquitectos Jaime Rodríguez Abelleira e Santiago Pintos Pena.
O resto de premiados son:
- Rehabilitación "Ferrería 4". Vigo. Arquitectos: Carolina Domínguez Gómez e Rosa del Río Pastoriza, coa colaboración de Laura Crespo Álvarez
- Casa "La Noria". A Guarda. Arquitecto: Mauro Lomba Martínez
- Rehabilitación de inmobles na rúa San Sebastián 4-6, subida ao Castelo 5-7. Vigo. Arquitectos: Javier Franco Rabuñal e Vicente Pintos Santiago
- Xoiería "González 1968". Vigo. Arquitecto: Pablo Menéndez Paz
- Intervención urbana na "Praza do Seixo". Tomiño. Arquitectos: Perfecto Cendón Domínguez e Javier Vázquez Fernández