Os veciños de Anceu fan propostas para o vindeiro orzamento municipal
Por Redacción
Membros do equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas, encabezados polo seu alcalde Andrés Díaz Sobral, retomaron en Anceu a serie de xuntanzas veciñais que os levaran a tomar contacto cos 33 núcleos de poboación do municipio co fin de recabar as propostas e suxestións sobre as necesidades que presenta cada un destes lugares de cara a elaborar o orzamento municipal do año 2016.
Este venres ás 20 horas reuniranse cos veciños de Caritel, no Teleclub, e ás 21 horas cos de Forzáns, no Centro Sociocultural desta parroquia.
Andrés Díaz fixo unha pequena introdución sobre o estado de contas do Concello que calificou de "delicado" cunha débeda que cifrou en 1.145.000 euros aproximadamente.
O rexedor animou aos veciños a realizar peticións urxentes e realmente necesarias co fin de poder atender, na medida do posible, aquelas cuestións que o equipo de goberno priorice ante as moitas demandas que teñen os 33 lugares do municipio. Tamén aclarou que "Anceu non vai ter un trato preferente de investimentos e actuacións do Concello por ser a miña parroquia".
Os representantes do goberno local insistiron en que este é un novo modelo de facer política baseado no contacto directo cos veciños para animalos a ser copartícipes das decisións que se levarán a cabo para, na medida do posible, coxestionar os recursos municipais.
Respecto a unha das peticións dos veciños: novos puntos de luz, o alcalde manifestou que teñen como unha prioridade reducir o recibo anual de gasto enerxético, próximo ao medio millón de euros, “que lastra a economía municipal polo que queremos facer unha auditoría enerxética e sacar a concurso o mantemento eléctrico para reducir ese gasto”, indicou.