Xogos tradicionais para toda a familia na praza da Chousa e a praia do Padrón
Por Redacción
A ACDeM Armadiña organizará este sábado 26 de setembro unha xornada de divulgación dos xogos tradicionais. Será en dúas localizacións: a praza da Chousa e a praia do Padrón, ambas en Combarro.
Nesta primeira edición, haberá unha ludoteca itinerante denominada Eira Xandobeleira e composta dunha colección de máis de cen xogos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos.
A partir das catro e media da tarde, a Chousa converterase nun espazo de ocio alternativo, onde poder gozar do xogo en familia á vez que desenvolvemos as nosas habilidades e destrezas manuais, cognitivas e a capacidade imaxinativa.
Ademais, a asociación completará esta xornada con outros xogos populares como a chave, os aros ou as cordas, cedidos pola Concellaría de Cultura de Poio e que se desenvolverán na praia do Padrón.