Anova afirma que nin unha soa persoa vencelada a Ence traballa de maneira estable nos montes
Por Redacción
Anova Pontevedra aproveitou a xornada de debate plenario sobre Ence este martes 22 para tamén manifestar que dende esta formación política consideran que Ence, segundo Claudio Quintillán, non xenera un só emprego estable nos montes galegos. Sinalan que a comarca de Pontevedra podía xerar ata 1.500 postos de traballo coas hectáreas que ten de monte, segundo as previsións que establece a Unión Europea.
Esta formación política indica que o monte galego está dedicado ao monocultivo de eucalipto por culpa de Ence e esta situación evita que a Xunta de Galicia elabore un plan de emprego do monte como si existe noutras comunidades do Estado.
David Carballal, portavoz do grupo político que continúa a apoiar a Marea Pontevedra, considera que só a presión social pode evitar que o goberno de Mariano Rajoy permita a continuidade de Ence na súa actual localización na ría de Pontevedra.