Bueu rebaixará o IBI en 2016
Por Redacción
O IBI rebaixarase do 0,6% ao 0,45% no 2016, segundo anunciou este venres o Concello de Bueu. A medida nace, segundo apuntou o alcalde Félix Juncal, da "decisión e compromiso" asumido hai tres anos polo goberno local.
Esta rebaixa comezará a ser efectiva unha vez que o Estado confirme a rebaixa do tipo impositivo no 0,45%, xa que desde o 2012 se subiu ao 0,6% sobre o valor catastral de maneira extraordinaria pola adaptación ao Plan de Estabilidade Orzamentaria.
Esta medida vai supoñer un aforro do 25% que, como coincidiron o alcalde e o concelleiro de Facenda, provocará que o Concello deixe de percibir 400.000 euros de ingresos.
Aínda así, o goberno local salienta o compromiso adoptado no seu momento para levar a cabo esta medida, "e farase o necesario porque sexa posible".