Polo menos tres empresas están interesadas en abrir hoteis ou hostais en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O sector hoteleiro parece ter posto os seus ollos sobre Pontevedra. No goberno municipal constan "varias solicitudes" de información sobre as zonas da cidade nas que se pretenden instalar estes novos equipamentos, segundo recoñeceu a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva. Precisamente unha delas analizouse na comisión celebrada este martes e correspondería coa parcela reservada para un hotel nos antigos terreos de Tafisa.
"É moi boa noticia", destacou Carme da Silva, xa que entende que as diferentes solicitudes de información presentada por estas empresas demostra que "hai interese" por abrir novos negocios hoteleiros na cidade, debido ao aumento do número de turistas que visitan Pontevedra. "É moi interesante que se estea movendo algo", recoñece a edil, que espera que estes proxectos cheguen a frutificar.
En concreto, foi a entidade Building Center SA, a principal sociedade inmobiliaria de Caixabank, a que se interesou pola parcela de Tafisa. É propiedade municipal e ten 3.173 metros cadrados de superficie. Está situada na esquina dos terreos que dá ás rúas José Malvar e a avenida de Bos Aires. Prevese unha edificabilidade máxima de 8.700 metros cadrados, o que se correspondería cun edificio de ata seis plantas.
O obxectivo do Concello é que o devandito hotel, sexa como mínimo de catro estrelas e a ser posible de cinco, un equipamento do que carece actualmente a cidade de Pontevedra.
A este interese súmase ao dun promotor que, a título particular, mostrou polos inmobles situados na rúa Peregrina 2 e 4, que ata hai uns meses ocupaba a tenda de Barros. Segundo Carme da Silva, estaría destinado a un posible albergue ou 'hostel' aínda que tería que solucionar certas deficiencias no proxecto, xa que o edificio non conta coa altura mínima entre plantas que se require para usos terciarios, fixada en dous metros e medio.
O principal obstáculo que tería este albergue é que, debido á súa proximidade co santuario da Peregrina -considerado como Ben de Interese Cultural-, estaría afectado pola súa área de protección, moito máis restritiva que a que existe no resto do centro histórico pontevedrés.
Moito máis avanzado parece estar o proxecto para a apertura doutro establecemento hoteleiro no ámbito de Santa María e que, sinalou a edil nacionalista, tan só tería que corrixir certos problemas arqueolóxicos para recibir o visto e prace dos técnicos municipais.