Rafael Louzán abandona a Deputación tras presentar a súa dimisión como deputado
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Anunciara que non continuaría como deputado se perdía o cargo de presidente e cumpriuno. Rafael Louzán presentou este martes a súa dimisión como deputado provincial do Partido Popular.
A pesar de que os seus compañeiros do grupo provincial do PP lle pediron que continuara, o ex presidente da Deputación optou por non dar marcha atrás nos seus plans iniciais e abandonar a corporación.
Aínda que a súa primeira intención, segundo recordan os populares nun comunicado, era non recoller xa a súa acta de deputado, mantívose no grupo a petición dos seus compañeiros "implicándose directamente na posta en funcionamento do grupo popular e na estratexia de traballo".
Agora, transcorridas estas primeiras semanas desde a constitución provincial e co comezo do novo curso político, a decisión de Louzán é de presentar a súa renuncia.
Con todo, o líder dos populares na provincia de Pontevedra seguirá realizando labores de asesoramento e coordinación como presidente provincial do partido e dada a súa traxectoria e experiencia á fronte do ente provincial.
Rafael Louzán aproveitou a ocasión para agradecer "a colaboración e a extraordinaria profesionalidade" de todos os traballadores da deputación pontevedresa, cos que espera seguir contando, porque considera que o seu papel é determinante para o bo funcionamento da institución.