Sanxenxo inicia as súas festas patronais a ritmo de tuna
Por Redacción
Sanxenxo xa está en festas. Cun pasarrúas a cargo da Tuna da facultade de Dereito de Santiago comezaron, ás doce deste mediodía, as celebracións patronais no municipio. Tras unha pequena interpretación diante do Concello e no interior das dependencias municipais, os seus integrantes pasaron polo mercado de abastos, A Panadeira, o paseo de madeira nas inmediacións do porto ou as prazas e terrazas da zona urbana.
En todas as paradas previstas houbo un denominador común: os tuneiros lograron a implicación dun público contaxiado do seu pegadizo ritmo e que coreaba uns temas populares e moi coñecidos. Moitos chegaron mesmo a inmortalizar o momento e fotografarse cos membros da tuna, que en todo momento estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Roberto Carlos Agís.
As festas patronais continuarán este martes coa celebración do Día do Turista, que comezará ás 10 horas con pasacalles e alboradas a cargo de " Os Gatiños" de Portonovo e a Banda de Música de Sanxenxo. Ás 12 da mañá, dende o balcón do Concello, o alcalde encargarase de tirar o chupinazo que marcará o inicio oficial dos festexos. Estará acompañado de parte do goberno local.
A continuación a Banda de Música de Sanxenxo interpretará dúas pezas e acompañará á comitiva oficial ata a Praza dos Barcos, onde terá lugar a "sardiñada popular".
Nesta edición serán máis de 600 quilos de sardiñas os que se asarán no porto para a súa degustación entre as miles de persoas que cada ano se achegan ao ámbito portuario para degustar este manxar, que é entregado aos comensais en porcións acompañadas de pan e viño ou auga, todo de forma gratuíta.
Máis dunha vintena de traballadores municipais encargaranse de que todo estea a punto para que os comensais degusten dun dos manxares do mar: as sardiñas.
Pouco antes da "sardiñada popular" abrirán ao público os postos da Feira de Produtos Artesáns. Ao redor dunha quincena de profesionais participa nesta primeira edición, ofrecendo produtos variados, elaborados de forma artesanal, e mostrando ao longo de todo o día como se traballan os diferentes elementos necesarios para a confección dos artigos que mañá se comercializarán.
Para as 13 horas está previsto un concerto que a Banda de Música de Sanxenxo protagonizará na Praza Pascual Veiga.
A festa continuará pola tarde cunha misa ás 19 horas e procesión en honor a San Xenxo, cantada polo coro parroquial San Xinés de Padriñán na praza de Pascual Veiga. Esta coral celebrou en febreiro as súas vodas de prata e conta cunha renovada xunta directiva e moitos proxectos de futuro. Tras a celebración eucarística terá lugar a procesión.
Ás 21 horas a Banda de Música de Sanxenxo volverá ofrecer un concerto na praza de Pascual Veiga e a xornada concluirá cunha verbena na Praza do Mar, a partir das 22.30 horas.