A chuvia e o vento derruban árbores e deixan pequenos accidentes en terra e mar
Por Redacción
"Con lluvia, circula con precaución!!!!". Publicábao na súa conta de twitter Emerxencias de Sanxenxo ás 14.00 horas deste domingo. Era algo máis que unha recomendación. Era unha chamada de atención que se confirmou que estaba totalmente xustificada á vista dos sucesos da xornada. A chuvia por momentos intensa e os fortes ventos que se rexistraron a partir de media mañá deixaron unha longa lista de incidentes tanto en terra coma en mar nas comarcas de Pontevedra, Arousa e O Salnés.
Un dos incidentes que causaron máis alarma produciuse apenas uns minutos antes das 14.00 horas en Sanxenxo. Efectivos dos Bombeiros, socorristas e a Garda Civil acudiron a un incidente relacionado cunha embarcación pneumática que enrocou na zona de Punta Pirámide, en Portonovo. A bordo había dous tripulantes que resultaron ilesos.
Poucos minutos despois, a chuvia motiva unha nova intervención dos efectivos de Emerxencias Sanxenxo. Sobre as 14.00 horas tiveron constancia dun accidente na estrada de Fontoira, en Padriñá, se ben non houbo que lamentar feridos.
Á mesma hora, unha árbore caía na zona de Bamio, en Vilagarcía de Arousa, e quedaba atravesada na vía ocupando practicamente toda a calzada á altura dunha curva, segundo informaron fontes de emerxencias.
Entre os incidentes asociados ao mal tempo, Emerxencias Sanxenxo tamén tivo que acudir á rúa Ricardo Santos por un toldo desprendido e foi necesario revisar o arco de luces da avenida de Pontevedra de Portonovo.