Marín aumenta a oferta das escolas deportivas incluíndo o Pilates
Por Redacción
Un total de 18 entidades faranse cargo das distintas modalidades deportivas que para o curso 2015-2016 ofertará o Concello de Marín dentro das súas Escolas Deportivas Municipais.
As modalidades que se ofertan son: Atletismo, Tríatlon, Ciclismo, Baloncesto, Patinaxe, Ximnasia Artística, Fútbol, Remo, Piragüismo, Taekwondo, Vela, Tenis, Judo, Ximnasia Rítmica, Fútbol Sala, Xadrez, Natación, Natación Infantil e a novidade deste ano, Pilates.
Así, o próximo 4 de setembro, na Alameda Rosalía de Castro e sempre que o tempo o permita, celebrarase a tradicional Gala de Presentación das Escolas Deportivas Municipais de Marín, na que todos os marinenses poderán coñecer de primeira man as características de cada modalidade deportiva, mesmo participando nas actividades que cada unha das adxudicatarias organice.
As inscricións para gozar de calquera destes deportes comezarán o próximo 7 de setembro e rematarán o 17 de setembro manténdose o prezo de 40 euros anuais que se veñen aplicando dende xa hai anos. E ao igual que o pasado ano, co fin de evitar colas, non se terá en conta a orde de inscrición, senón que aquelas modalidades con exceso de solicitudes se sortearán en Sorteo Público.
PINTADO EXTERIOR DA BIBLIOTECA PÚBLICA VIDAL PAZOS
Ademais, o Concello está a proceder ao pintado exterior da Biblioteca Pública Vidal Pazos.
Estas obras de acondicionamento entran dentro das melloras que se están a realizar nos edificios públicos, así como as levadas a cabo nos colexios públicos de todo o termo municipal. O presuposto ascende a 10.000 euros.