Ofrenda floral á Virxe Peregrina sen petición política
Por Cristina Saiz
A tradicional ofrenda floral á Virxe Peregrina que coincide co inicio da Semana Grande das Festas levou consigo unha novidade ao non se levar a cabo ningunha petición ante a imaxe por parte dos deputados do novo equipo de goberno da institución provincial, agora gobernada polo PSOE e o BNG. Durante os mandatos do Partido Popular, era habitual que un deputado realizase peticións no santuario de tipo social ou económico.
Ao acto acudiron representantes municipais do Partido Popular como o seu voceiro na corporación de Pontevedra, Jacobo Moreira, acompañado pola concelleira María José Rodríguez Teso.
A comitiva trasladouse dende a praza de España ata o santuario coa carroza na que cinco nenas e un neno visten de peregrinos. Unha vez no templo procedeuse á solta das pombas. E a continuación, os xigantes e cabezudos convertéronse nos protagonistas na rúa acompañados polas agrupacións musicais.