O BNG presentará mocións contra o novo acordo pesqueiro con Mauritania que deixa á marxe aos cefalopoderos de Marín
Por Oskar Viéitez
A Asociación de Armadores de Marín (Pontevedra), acolleu luns un encontro entre os representantes dos armadores, dos mariñeiros da frota galega en Mauritania, de CIG-Mar e do BNG.
Por parte da formación nacionalista a voceira en Europa, Ana Miranda, o voceiro de Pesca no Parlamento galego, Daniel Rodas, e a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, así como a voceira municipal, Pilar Blanco, anunciaron a presentación de mocións en todas estas instancias posicionándose en contra do acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania que deixa á marxe aos cefalopoderos de Marín.
Segundo explicou o secretario xeral de CIG-Mar, Xabier Aboi, en Marín hai un total de 14 barcos cunha tripulación de 18 persoas de media, unha cifra que significa toda unha "traxedia" se se ten en conta que "hai tres anos había 25 barcos e no ano 1990 había 250 barcos".
A frota galega leva excluída deste caladoiro dende agosto de 2012.
Na última negociación os armadores propuxeran unha nova categoría de arrastre conxelador para a pescada, que se deixou pendente para unha futura comisión mixta, non obstante deixouse fóra da explotación á frota cefalopodera o que supón "a ruína" para o sector.
O voceiro de CIG-Mar, Xabier Aboi, mostrou a súa indignación ante o feito de que en Mauritania siguan pescando todos os que estaban "menos os galegos".
"É inconcibible que se mellorase á frota andaluza, á frota peláxica no norte de Europa, e a frota galega que nestes momento só quedan 14 barcos para todo o mundo que pescaban estas especies pois resulta que non se lle abre a porta nin para os cefalópodos nin para a pesca da pescada", lamentou.
Segundo Aboi o rexeitamento á frota galega débese á "falta de cariño, e por cariño enténdense acordos bilaterais". Por exemplo, "as axudas sociais á escola para ensinar oficios pesqueiros en Nuadibú, que Rajoy suspendeu"
"Os andaluces é curioso, si que teñen colaboración con eles ao igual que os canarios, pero os galegos, con este goberno tan inepto que temos, pois nin sequera van alí", concluíu.