As analíticas cualifican de "excelente" a calidade das augas das praias de Poio
Por Oskar Viéitez
A concellaría de Medio Ambiente do Concello de Poio acaba de facer públicos os datos das analíticas de controis microbiolóxicas realizadas ás augas das praias do municipio durante a presente quincena deste mes de xullo, onde os resultados de todos os areais do municipio reciben a cualificación de "excelente".
A empresa Novacondria, unha consultora de Sanxenxo especializada en turismo, calidade e medio ambiente, é a que se encarga de realizar estas mostraxes co obxectivo de garantir a calidade da auga das praias e facilitar periodicamente os resultados á cidadanía. Para iso, os técnicos realizan visitas de inspección ás praias e controis analíticos das augas de baño.
A través das mostras que recollen, poden determinar o pH e a salinidade da auga, pero a análise en profundidade faise no laboratorio, onde se examina a calidade microbiolóxica.
En concreto mídense uns indicadores que se chaman fecais (escherichia coli e enterocos) e que permiten saber se pode haber ou non contaminación.