Propoñen á Xunta un aula formativa en traballos forestais para Curro
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá ao presidente da comunidade de montes de Curro, Miguel Ángel Maquieira, co obxectivo de coñecer a proposta desta entidade para poñer en marcha un curso de formación destinado a formar a veciños en traballos forestais.
Segundo apuntou Miguel Ángel Maquieira, na actualidade é moi necesario poñer en marcha traballos de limpeza, mantemento e recuperación do monte desta parroquia situada no concello de Barro. "Resultou moi afectado polos incendios de 2006, e aínda que se fixeron algunhas labores de limpeza, o certo é que hai moita maleza que limpar, de cara a telo preparado para a próxima época estival", explicou o presidente da comunidade de montes.
ÿ moi necesario poñer en marcha traballos de limpeza
O obxectivo da reunión mantida hoxe co delegado territorial foi presentar este proxecto ante a administración autonómica "para a coñecer cales son os pasos a dar para solicitar a posta en marcha deste curso e a súa correspondente homologación".
Tal e como lle trasladaron a Cores Tourís, a comunidade de montes quere, por un lado recuperar o monte e por outro "buscar unha solución de traballo a veciños desta parroquia, moi afectada pola crise".
O curso sobre traballos forestais e recuperación de montes sería impartido no centro forestal de Curro. "Queremos coñecer cales son os pasos a dar para a súa homologación, xa que se trata dun edificio que conta con aulas, almacén, accesibilidade e duchas", asegurou Maquieira.
Poderán posteriormente dedicarse a labores profesionais nos montes desta parroquia
O grupo que se forme nesta aula, "que terá que ser reducido para garantir unha mellor formación", poderá posteriormente dedicarse a labores profesionais nos montes desta parroquia. "Deste xeito, os alumnos terían que ser veciños da parroquia e sería elixidos, eso sí, a través do INEM", engadiu o presidente da comunidade de montes.
José Manuel Cores Tourís trasladoulle a existencia dun decreto (decreto 106/2011) polo que se crea o rexistro de centros e entidades de formación para o emprego que regula a acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego na comunidade autónoma.
A parroquia de Curro conta, na actualidade, cuns 800 veciños mentres a comunidade de montes de Curro xestiona 344 hectáreas incluídas dentro do Plan de Ordenación realizado pola Xunta. Destas 192 hectáreas atópanse conveniadas coa administración autonómica.