Os hostaleiros da Alameda abandonan a lata
Por Oskar Viéitez
Despois de intentar amenizar as noites da fin de semana con música "enlatada" os establecementos do entorno da Alameda de Ponte Caldelas pásanse ao "directo" organizando un concerto de pop rock para a noite do venres día 18, que terá como protagonista ao grupo pontevedrés Champurrada.
Esta actuación celébrase para dinamizar as noites dos venres na Alameda e pretende servir de escaparate para os novos grupos emerxentes que están facendo a súa actividade na comarca de Pontevedra ao tempo que se dinamiza a actividade hostaleira no centro da vila.
O concerto comezará ás 21 horas e prolongarase por espazo de dúas horas aproximadamente. O evento conta coa colaboración do Concello que considera unha iniciativa interesante a aposta dos hostaleiros do centro da vila por dinamizar desde o punto de vista cultural, musical e económico o municipio nas noites dos venres de verán.
A intención dos hostaleiros é comprobar a aceptación que este tipo de concertos terá en Ponte Caldelas coa intención de prolongalos durante todo o mes de xullo e tamén agosto.