O Goberno indulta un construtor condenado por agredir a arquitecta municipal da Illa de Arousa
Por Oskar Viéitez
O Goberno que preside Mariano Rajoy indultou parcialmente un construtor condenado en 2012 por agredir e reter a arquitecta municipal da Illa de Arousa. Deste modo a pena que lle fora imposta de tres anos de prisión por un delito de detención ilegal será conmutada por unha pena dun ano de cárcere e outros dous anos de multa, cunha cota diaria de dous euros.
Este indulto é un dos sete que publica este luns o Boletín Oficial do Estado (BOE), onde o Ministerio de Xustiza lle conmuta a este construtor, Juan Manuel Chaves Daporta, a pena de prisión polo delito de detención ilegal ao estimar que, sobre a base dos informes do Tribunal sentenciador e do Ministerio Fiscal, "concorren razóns de xustiza e equidade".
Tal e como consta na sentenza, o Xulgado o Penal número un de Pontevedra considerou probado que o 22 de marzo de 2010 o home "irrompeu" no despacho da arquitecta municipal e, "con ánimo de privala da súa liberdade deambulatoria, pechou con chave a porta da estanza e lla gardou no peto".
O home retivo a muller ao redor dunha hora, ata que se presentou a Garda Civil, tempo no que a levantou, a zarandeou, a empurrou contra o mobiliario alí existente e lle deu un golpe na parte de atrás do ombro, ao tempo que lle dicía que a ía matar a ela e á súa filla, que era unha filla de puta e que se non estivese pechada a ventá, a tiraba por ela".
O tribunal sinala que parece que a acción do acusado foi unha resposta á venda frustrada dunha vivenda" que se ía consumar ante notario na mañá dos feitos, pero que, segundo testemuñas, non tivo lugar porque tras unha consulta previa ao Concello, a arquitecta municipal comunicou que o "piso tiña unha infracción", polo que o comprador "deu marcha atrás".