A contorna de Pontevedra sumará 53 prazas para menores de 3 anos a través de centros concertados a partir de setembro
Por Redacción
A Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste luns 13 a creación de 53 novas prazas no ámbito de Pontevedra para nenos de entre 0 e 3 anos a través dunha iniciativa que se leva a cabo por primeira vez en Galicia consistente nun concerto de prazas en escolas infantís de titularidade privada.
Estas prazas súmanse ás 884 que xa existen nesta zona e, segundo a Consellería de Educación, trátase dunha iniciativa pioneira que ten como obxectivo reforzar a aposta pola conciliación da vida familiar e laboral.
As prazas serán financiadas con fondos da Administración autonómica e crearanse a partir de setembro 11 en Marín, 11 en Poio e 31 en Pontevedra.
Poderán optar a esta nova oferta todas aquelas familias que figuren na lista de espera ao estar dirixida a persoas solicitantes que non obtivesen praza en ningunha das escolas da rede pública autonómica. Terán as mesmas condicións que as escolas públicas, tanto no relacionado cos servizos coma cos prezos que terán que aboar, segundo recolle o DOG.
A Xunta destinará en Galicia 1,9 millóns este ano a esta iniciativa, se ben chegará ata os 6,5 millóns de euros para prorrogala ata 2018.