A reparación do desprendemento no acceso á Lanzada, pendente de Patrimonio
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo remitiu ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a solicitude para proceder á reparación do noiro do vial de acceso á capela da Lanzada, atendendo ao proxecto redactado por Costas que será executado por este departamento estatal, segundo informan fontes municipais.
A semana pasada o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, mantiña unha reunión co xefe provincial de Costas para ver en que situación se encontra o plan para paliar os danos derivados de temporais en inverno en relación coa zona da Lanzada.
A presenza dun castro e unha necrópole, a capela, un cruceiro e a Torre da Lanzada obriga a que Patrimonio conceda a autorización para poder intervir neste espazo de protección integral.
O noiro viuse afectado polas fortes chuvias que se rexistraron durante o inverno de 2013, causando un importante desprendemento. Na memoria do proxecto redactado polo Ministerio de Medio Ambiente enténdese que a parte do noiro que se desprendeu xa non é recuperable. Ante esta situación formulan unha actuación que protexa o noiro existente e que axude a deter o proceso erosivo.
Neste sentido, Costas propón a canalización das augas de escorrentía mediante unha cuneta revestida ata conducilas a unha baixante graduada na que se disipe a enerxía da auga. A lonxitude desta canle sería de 210 metros lineais.
O tramo de noiro máis erosionado protexerase cunha pantalla de microestacas de 14 centímetros de diámetro. Estarán unidos na súa cabeza por unha viga de formigón. A estrutura non será visible ao quedar tapada polo terreo.