Denunciados dous irmáns por botar un "rallie" en Ponte Muíños no que tombaron unha farola
Por Redacción
A Garda Civil presentou denuncia contra dous irmáns pontevedreses por condución temeraria durante a noite deste xoves 9 de xullo na urbanización de Ponte Muíños.
Os feitos producíronse arredor das 23.00 horas cando os dous mozos pilotaban dous vehículos e realizaban unha carreira ilegal competindo entre ambos os dous ata que o condutor dun dos turismos impactaba contra un farol. O golpe foi tan brutal que o punto de luz rematou cedendo e caendo sobre a calzada.
Ademais, o impacto tamén provocou o desprazamento dun colector voluminoso ao longo de varios metros. O turismo quedou no medio da estrada pero o condutor non sufriu feridas de consideración.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, unha dotación da Policía Local e unha ambulancia do 061.
Segundo fontes da Garda Civil, ambos os dous irmáns son afeccionados aos rallyes automobilísticos e estaban a poñer en práctica as súas habilidades de xeito temerario. Fontes presenciais sinalan que un dos condutores se vira implicado no accidente que se producía o pasado domingo 5 na Subida a Marcón no que catro persoas resultaron feridas de diversa consideración.