O 061 reforza a asistencia en Sanxenxo cunha ambulancia no verán
Por Redacción
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforzará durante o verán a atención que presta en Sanxenxo cunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado con base no centro de saúde de Baltar. Estará operativa entre este sábado 11 de xullo e o 1 de setembro.
A ambulancia contará cun equipo humano composto por un médico e un enfermeiro especializados na atención sanitaria en situacións de emerxencias e dous técnicos en transporte sanitario urxente. O equipamento deste recurso permite prestar asistencia médica in situ a pacientes de extrema gravidade e asistilos durante o traslado a un centro hospitalario. Ademais, apoiará a realización, en caso necesario, de traslados secundarios interhospitalarios de pacientes críticos dende o Hospital do Salnés ata os hospitais de referencia.
A medida de reforzo xa se aplicou en anos anteriores e ven motivada polo aumento da poboación flotante na época estival. O obxectivo é asegurar a maior rapidez de resposta ante calquera situación de emerxencia que se produza e dar cobertura sanitaria aos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Ribadumia.
Durante o período estival, a poboación destes concellos aumenta debido aos movementos de poboacións relacionados co turismo, favorecendo a existencia de grandes fluxos de circulación polas estradas e aumentando a siniestralidade por accidentes de tráfico. Segundo os datos facilitados polo 061, entre o 12 de xullo e o 31 de agosto de 2014, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado mobilizouse en 175 ocasións e asistiu a 160 persoas.
O 061 dispón actualmente de catro ambulancias asistenciais de soporte vital básico para atender as demandas de urxencias prehospitalarias nos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Ribadumia. Ademais, esta zona inclúese dentro das isocronas de actuación da ambulancia medicalizada de Pontevedra e do helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago de Compostela.