Atopan atrapado no seu coche semienvorcado un veciño da Lama que faltaba do seu domicilio dende o xoves
Por Oskar Viéitez
O home que familiares e servizos de emerxencia buscaban dende o xoves, foi atopado este venres no interior do seu vehículo, que estaba semienvorcado nun terraplén, no lugar de Seixido, na Lama.
A Garda Civil informou ao Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia do suceso sobre as 08:00 horas deste venres e, expresou as dificultades de rescatar á persoa debido á posición na que quedou o vehículo.
Así mesmo, membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Verdugo-Oitavén que formaban parte do dispositivo de busca posto en marcha pola Garda Civil, tras romper o parabrisas, puideron rescatar á persoa.
Pese a que, a persoa non presentaba feridas de gravidade, o 112 Galicia informou a Urxencias Médicas que mobilizou unha ambulancia que trasladou ao paciente ata o Hospital de Montecelo para o seu recoñecemento.