O mexillón pigmeo de Nova Zelandia despraza á especie nativa no interior da ría de Pontevedra
Por Redacción
Na parte máis interna da ría de Pontevedra e na de Vigo, o Mytilus galloprovincialis adoitaba ser a única especie de mexillón. Dende a introdución do mexillón pigmeo de Nova Zelandia (Xenostrobus securis) a especie nativa semella estar sendo desprazada nas partes internas destas rías.
Este escenario é o que estuda Ignacio Gestoso na súa tese de doutoramento. A investigación ten como obxectivo final avaliar a distribución e os mecanismos de invasión do mexillón pigmeo, así como o impacto que ten o establecemento desta especie sobre a fauna bentónica asociada ás piñas de mexillóns.
Os resultados amosan que o pigmeo está estendéndose tanto na ría de Pontevedra coma na de Vigo, aínda que polo momento as maiores abundancias concéntranse na parte interna de ambas rías e diminúen notablemente co incremento en salinidade cara a parte media das rías.
Gestoso explica que “o proxecto abarcou dende mostraxes e monitoreo nas rías, ata experimentos de manipulación tanto na costa coma no laboratorio”.
O investigador apunta á salinidade como factor principal para que o mexillón invasor se atope principalmente nas zonas interiores das rías. Outro dos efectos desta invasión é que os depredadores teñen certa preferencia polo mexillón nativo.
Ademáis a especie invasora é máis resistente fronte ao cambio climático.