Adeus á necora fresca ata finais de xuño
Por Redacción
As lonxas e mercados pontevedreses xa non volverán ter nécora fresca ata finais de xuño. Comeza a veda deste marisco atendendo a criterios de explotación comercial e ao estado biolóxico do recurso.
Ata o 30 de xuño o consumidor non poderá atopar no mercado nécora fresca galega. Pode atopala fresca, se é foránea, ou galega conxelada.
A consellería do Medio Rural e do Mar informou este domingo que non autoriza a captura da nécora dende esta fin de semana e que este período de veda se estenderá ata o vindeiro 30 de xuño.
Con esta medida técnica "persegue favorecer a reprodución e reducir o esforzo pesqueiro que soportan as poboacións desta especie na comunidade autónoma de Galicia".
Na última campaña que se vén de pechar capturáronse arredor de 114.000 quilos nas augas galegas, o que supuxo un valor económico de máis de 1,5 millóns de euros.
A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que dende o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro tamén se atopa en veda o santiaguiño.