Un camareiro de Ribadumia alega que tiña cocaína e marihuana no bar porque consumía ambas drogas a diario
Por Natalia Puga
A Garda Civil localizou o veciño de Ribadumia Ramón S.L. o 21 de outubro de 2012 en posesión de 4,767 gramos de cocaína e 5,51 gramos de marihuana no bar no que traballaba de camareiro. O fiscal acúsao de dedicarse á venda de tales substancias debido á súa grave adicción a estas. Fronte á actuación das Forzas de Seguridade e á acusación do ministerio público, el defendeuse e asegurou que tiña toda esa droga enriba porque a consumía en grandes cantidades a diario.
Os feitos xulgáronse este martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra nun xuízo no que cinco axentes da Garda Civil explicaron que acudiran ao bar no que traballaba o acusado nunha inspección rutineira en establecementos públicos e porque recibiran informacións de que alí se realizaban transaccións de droga. Dous deles engadiron que, en canto entraron no local, o procesado intentou escapar e foise "corriendo" cara a detrás da barra.
"Deuse á fuga do local, fun detrás do ata que o localicei na trastenda", explicou un dos axentes, que o notou "moi nervioso". Unha vez que os axentes o localizaron, realizaron un rexistro autorizado por el mesmo no que encontraron 12 papelinas de cocaína, das que dous as levaba enriba e o resto nun moedeiro escondido na trastenda. En total pesaban 4,767 gramos e terían alcanzado un valor no mercado ilícito de 429,14 euros.
O fiscal considera que a tiña enriba coa intención de vendela no bar, pero el respondeu, durante o xuízo, que tiña tantas papelinas porque "las acababa de comprar esa misma tarde" e que dous as levaba enriba porque "pensaba salir y era para mi consumo". De feito, segundo relatou, "cuando puedo" consume unha media dun gramo ao día.
Os axentes tamén localizaron 5,51 gramos de marihuana escondidos na leña do patio traseiro. Terían alcanzado un valor no mercado ilícito de 26,016 euros e tamén neste caso o fiscal mantén que a súa intención era vendela no bar. Esta substancia, segundo explicou o procesado, si a consumía "todos os días" sempre.
O fiscal pide que se teña en conta a circunstancia atenuante de grave adicción ás drogas tóxicas e estupefacientes, pero reclama ao tribunal da Audiencia que lle condene por estes feitos como autor dun delito contra a saúde pública a sete anos de prisión e ao pagamento dunha multa de 1.820 euros, ademais do comiso dos 330 euros en metálico que o interviñeron durante o rexistro do local.