O goberno de Sanxenxo leva ao pleno una reducción de custes superior ao 20%
Por Redacción
A nova corporación de Sanxenxo reunirase por primeira vez, desde a súa toma de posesión, este luns nunha sesión extraordinaria na que se constituirán oficialmente os diferentes órganos de goberno e se aprobarán tanto as retribucións aos edís que conforman o equipo de goberno como as cuantías a percibir por asistencia a plenos e comisións.
Dando cumprimento a un dos compromisos recollidos no pacto de goberno asinado entre SAL, BNG, PSOE e Sanxenxo Pode, as retribucións tanto do alcalde como dos diferentes concelleiros veranse mermadas nun 20% con respecto ás cantidades que percibían os membros do anterior goberno do Partido Popular.
Neste sentido, o goberno local emitiu un comunicado no que quere deixar claro que a reduccion salarial, "ademais de ser un compromiso electoral de dous dos partidos que conforman o cuatripartito, é un compromiso dos nove concelleiros coa cidadanía, entendendo que os momentos de dificultades económicas que están a vivir o conxunto dos cidadáns teñen que ter o seu reflexo nos salarios que van percibir os edís que están ao frente das diferentes áreas de xestión municipal".
O salario que recibirá o alcalde, Gonzalo Pita, será de 38.000 euros anuais
Así, o salario do alcalde é o que maior reducción vai rexistrar, xa que pasará dos 50.000 euros brutos que percibía anualmente a anterior alcaldesa —despois do último recorte practicado— aos 38.000 que recibirá Gonzalo Pita, o que supón un soldo mensual que en pouco superará os 2.000 euros.
As catro dedicacións exclusivas que aprobará o goberno local, para David Otero, Sandra Fernández Agraso, Coral González-Haba e Daniel Fernández, tamén rexistrarán unha drástica reducción que supera con moito o 20%, pasando dos 39.000 euros previstos ata agora no orzamento aos 29.500, resultando un salario de 1.580 euros brutos mensuais por 14 pagas.
Porcentaxe similar se aplica ás catro dedicacións parciais previstas para Jesús Sueiro, Vanesa Rodríguez, Maximino González e Roberto Carlos Agís, que percibirán 21.600 euros anuais frente aos 27.000 euros cos que estaban dotados os salarios dos anteriores concelleiros populares, resultando un soldo mensual de 1.440 euros brutos en 12 pagas.
As porcentaxes de reducción oscilan por tanto entre un 20 e un 30% en función do apartado ao que se lle aplique e a eles habería que sumar idénticos índices na cotización á Seguridade Social.
Aplicarán tamén este recorte económico, do 20%, ao seu persoal de confianza
O Goberno local aplicará tamén este recorte económico, do 20%, ao seu persoal de confianza, ou eventual, deixando en 25.400 euros a partida para o departamento de comunicación e en 21.600 a que permitirá a contratación dunha persoa para a secretaría.
En canto ás retribucións por asistencia a plenos e comisión, a cuantía mantense en 90,30 euros, non aplicándose sobre este concepto recorte algún.
O pleno organizativo que terá lugar este luns permitirá tamén a constitución da comisión de goberno, que estará presidida por Gonzalo Pita e integrada por Vanesa Rodríguez, Daniel Fernández, David Otero, Coral González-Haba e Roberto Carlos Agís.
Designaranse tamén as diferentes comisións informativas, elexiranse os representantes municipais nos Consellos Escolares e na Mesa Local do Comercio e máis aos edís de Sanxenxo que estarán na Mancomunidade do Salnés.