72 titulados en Publicidade e Relacións Públicas emprenden un novo rumbo "coa cabeza ben alta"
Por Redacción
Nun acto que simboliza a fin de unha etapa e o inicio doutra como é unha graduación, aos novos titulados sempre lles pode vir á cabeza a incerteza do futuro que teñen por diante. Por iso, non poden faltar as verbas de ánimo a aqueles que emprenden un novo rumbo "coa cabeza ben alta", como lles solicitou nesta xornada a decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, aos 72 novos graduados en Publicidade e Relacións Públicas.
"Estades ben preparados, tedes as ferramentas, todo depende do camiño que vos marquedes e a onde queirades chegar, de aquí, ao infinito", apuntou a decana no que foi o último acto de graduación do presente curso no campus pontevedrés.
Co profesor Jesús Pérez como padriño académico e coa presidenta da Asociación de Directivos de Comunicación Dircom en Galicia, Amalia Baltar, como madriña profesional, a terceira promoción do grao en Publicidade e Relacións Públicas despediu nesta xornada os que "foron probablemente os mellores anos das nosas vidas".
Así os definiron as egresadas Cristina Ferreiro e Sonia Regueira, que tomaron a palabra en representación do alumnado nun acto que foi conducido por dous representantes da promoción, Laura Méndez e Anxo Rey, e que foi organizado ademais por seis novas egresadas, Micaela Campanini, Ana Lage, Patricia Mourón, Ángela Navarrete, Iria Pérez e a propia Laura Méndez, que optaron por substituír a habitual mesa presidencial por unha orixinal decoración.