Detido un condutor por provocar un accidente mortal en Vilanova de Arousa cando ía bébedo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O exceso de velocidade e as dificultades de atención á condución vinculadas co consumo abusivo de alcool están detrás do último accidente mortal rexistrado en Vilanova de Arousa. Así o sostén a Garda Civil, que procedeu á detención do suposto causante do sinistro polos delitos de homicicio por imprudencia e contra a seguridade vial.
O accidente produciuse de madrugada na estrada PO-531, que comunica Pontevedra con Vilagarcía de Arousa, ao seu paso polo termo municipal de Vilanova. Segundo as informacións achegadas pola Garda Civil, consistiu na colisión por alcance dun turismo Peugeot 207 contra un ciclomotor Peugeot Fight. O seu condutor e único ocupante faleceu a consecuencia do impacto.
Inmediatamente despois do accidente, unha patrulla do subsector de Tráfico da Garda Civil Pontevedra desprazouse ao lugar do suceso e someteu o condutor do turismo ao pertinente test de alcoolemia.
A proba botou un resultado positivo de 0,59 miligramos por litro de aire expirado no primeiro intento e 0,62 cando se repetiu. Isto é, o coductor presentaba unha taxa de alcoholemia que duplicaba a permitida para levar un turismo.
Despois de comprobar que a causa do accidente foi "un considerable exceso de velocidade" por parte deste condutor, "unido ao feito de facelo baixo efectos do alcohol e sen manter a atención permanente á condución", a Garda Civil procedeu á súa detención.
O detido responde ás iniciais LA.B.G., ten 37 anos de idade e é veciño de Vilagarcía de Arousa. Será posto a disposición do Xulgado de Instrución número tres de Vilagarcía, en funcións de garda.