Indemnizan con 7.000 euros unha muller que meteu unha perna nun sumidoiro sen tapa
Por Redacción
Unha muller será indemnizada con 7.251,12 euros por un accidente que sufriu durante a Feira Franca de 2013. Introduciu a súa perna nun rexistro de sumidoiro que non tiña tapa e que estaba situado na explanada utilizada como aparcadoiro disuasorio en Mollabao.
A sentenza foi ditada polo xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra, onde chegou o caso despois de que o servizo municipal de Patrimonio desestimase a reclamación da vítima, que solicitaba 8.120,62 euros como indemnización.
O Concello alegaba que o accidente se producira por culpa dunha terceira persoa, a que roubou a tapa do sumidoiro. Pero o xuíz entende que, á vista das fotografías achegadas, levaba sen repoñerse moito tempo ao presentar vexetación arredor e lixo no seu interior, polo que achaca ao goberno municipal a responsabilidade.
Ademais, recorda que sendo un día tan sinalado como a Feira Franca, á que tiñan previsto acudir miles de persoas nos seus coches particulares, "resulta esixible á administración local demandada que polo menos se tivese controlado que os espazos reservados para aparcadoiros estean en condicións axeitadas de seguridade".
Segundo reflicte a sentenza, a muller necesitou dous meses -62 días- para curarse das feridas que sufriu no accidente, 20 deles impeditivos. Ademais, confirma o pagamento polas secuelas e o gasto farmacéutico que tivo que realizar.
En todo caso, o Concello pagará tan só 1.500 euros, a contía da franquía do seguro que ten contratado con Mapfre, compañía que deberá facerse cargo da cantidade restante, intereses incluídos.