Ence lanza unha APP gratuíta que permite obter un rexistro e calcular a cantidade de madeira dunha parcela
Por Redacción
Ence puxo esta semana a disposición dos propietarios forestais unha APP para móbiles e tabletas que inclúe unha calculadora da cantidade de madeira de eucalipto coa que conta unha parcela, tendo en conta varios datos, como son a altura total da árbore, o seu diámetro, a especie da madeira ou o número total de árbores por parcela. Con iso, a empresa quere apoiar o labor dos propietarios forestais facilitándolles unha ferramenta de traballo que lles axudará á xestión das súas plantacións e á toma de decisións.
A aplicación inclúe ademais diversas informacións de interese. Os usuarios que a descarguen nos seus teléfonos móbiles e as súas tabletas poderán, por exemplo, acceder a información sobre as subvencións que varios organismos forestais conceden aos produtores de madeira.
Ademais, e de xeito moi sinxelo, máis de 120.000 produtores de madeira de eucalipto en Galicia poderán informarse sobre cuestións clave como a certificación forestal, un dos retos que afronta o sector e que está encamiñado a garantir que a xestión forestal se realiza de forma sostible. Terán acceso ademais a todo un apartado con consellos e técnicas para planificar o cultivo do eucalipto nas súas parcelas.
A aplicación pode descargarse xa en Android a través de Google Play na páxina web www.compramosmadera.es, un sitio en internet pensado como canle exclusiva para os produtores forestais que queren poñer a súa madeira no mercado. Os usuarios de iOS poderán descargala do Apple Store nun prazo de dúas semanas.