Os técnicos detectan síntomas de recuperación de certas especies nos bancos marisqueiros
Por Oskar Viéitez
A titular de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, asegurou este martes que os técnicos detectan síntomas de recuperación de certas especies nos bancos marisqueiros.
Diante das escasas esperanzas que hai no sector arousano sobre a próxima campaña de libre marisqueo, Quintana dixo que "a min non me gusta dar nada por perdido".
"Non teño unha bola de cristal pero tal e como están outros bancos as expectativas en principio non son malas", afirmou a conselleira, que anunciou que en breve se reunirá cos patróns maiores da Ría de Arousa.
A conselleira de Mar fixo estas declaracións durante unha visita ao Consello Regulador do Mexillón na que se comprometeu a poñer en marcha un regulamento que dea estabilidade ao organismo.
Rosa Quintana subliñou que unha vez que a Unión Europea aprobe o novo programa operativo do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro buscarase obter axudas "para consolidar a organización dun sector forte".
Outro dos puntos tratados nesta xuntanza son os novos obxectivos que se marca o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, como o incremento da produción, a elaboración dun novo regulamento para darlle maior estabilidade ao propio consello e continuar apostando polo I+D+i.
Relacionadas:
-
Campelo ultima os preparativos para a XXVIII edición da Festa da Ameixa
Por Redacción |
-
Un neno de dez anos entre os furtivos detidos pola extracción de ameixa nunha zona con toxina de Cambados
Por Redacción |
-
A Consellería de Mar e a Deputación acordan unha liña de axudas coas 22 confrarías da provincia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |