O fiscal pide a absolución dun acusado de regar con alcohol a súa noiva e prenderlle lume por "dudas razonables"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O mozo de orixe portuguesa José Carlos C.A. sentou este xoves no banco da Audiencia Provincial de Pontevedra acusado de ter regado con alcohol a súa noiva na casa que compartían en Lalín para posteriormente prender lume. El mantivo a súa inocencia e a presunta vítima reiterou a súa culpabilidade, de modo que o xuízo transcorría segundo o previsto. Ata a fase dos informes finais. O fiscal do caso decidiu pedir a absolución do procesado ao encontrar "dudas razonables" sobre a acusación formulada contra el.
O representante do Ministerio Público, David de la Fuente, acusábao dun delito de lesións e pedía que fose condenado a dez anos de prisión. A acusación particular, exercida pola presunta vítima, adheriuse, de modo que o fiscal non quixo retirar a súa acusación, para dar a oportunidade á outra parte a que defendese a súa tese de culpabilidade. El, non obstante, optou pola fórmula de pedir ao tribunal que ditase sentenza absolutoria.
Os feitos polos que o procesado chegou ante o tribunal da Sección Cuarta da Audiencia sucederon sobre as 00.00 horas do 19 de novembro de 2006. Segundo a versión que mantivo a vítima dende os días posteriores, a parella mantivo unha discusión porque ela quería poñer fin á relación sentimental e abandonar o domicilio común e, durante esta, o procesado presuntamente lle botou enriba un bote de alcohol etílico, mollándolle o corpo e a roupa, e prendeulle lume cun chisqueiro. Ela tivo que apagar o lume na bañeira e sufriu queimaduras de segundo grao na mandíbula, o peito e o costado.
Este xoves, ante o tribunal, a muller, de orixe brasileira, mantivo o groso desa versión: "Yo no sé de dónde sacó tanto alcohol. Yo le dije: no lo hagas, no lo hagas", pero, pese a esa petición, "él me empapó". E asegurou que días despois, cando estaba na Unidade de Queimados recuperándose das feridas, el a chamou e lle pediu: "Perdona, perdona".
Fronte a este relato dos feitos, contrasta a versión achegada polo acusado, que asegura que ambos os dous estaban no salón cando ela se lle achegou e lle botou alcohol a el. Nese momento, el ergueuse bruscamente e empurrouna e "en ese momento el mechero se encendió".
O fiscal resalta a existencia de dúas versións "antagónicas", nas contradicións que detectou no relato da muller e en que o home tamén presenta queimaduras nas mans, de modo que a súa versión podería "ser verosimil". Baseándose en todo iso, ve "dudas razonables" que non lle permiten desvirtuar a presunción de inocencia do procesado, de aí que considere que non debe ser condenado.
O avogado defensor do procesado mantén que debe ser absolvido mentres que o letrado da acusación cre que debe ser condenado a dez anos de prisión e a indemnizar a vítima con 36.155 euros polos días que tardou en curarse e 162.680 euros polas secuelas padecidas, pois un perito relatou no xuízo que lle quedou un prexuízo estético "bastante importante" que será case imposible eliminar.