A cidadanía reacciona ante un cruel ataque aos cisnes da Illa das Esculturas
Por Oskar Viéitez
Máis dun millar de pontevedreses sumouse á iniciativa cidadá que promove en internet Rosanna López-Salgueiro para protexer aos cisnes da Illa do Covo ou illa das esculturas.
Segundo explicou a propia impulsora desta idea, o colectivo "Salvemos a nuestros cisnes" naceu da indignación xerada por unha "cruel animalada" que tivo lugar a mediados do pasado mes de maio cando desapareceron de varios pitos das cinco crías dunha parella de cisnes.
Pero como explica a propia Rosanna López-Salgueiro o detonante tivo lugar o pasado venres 30 de maio, cando se encontrou como a nai soa con dúas crías. Segundo lle explicaron "alguén se levou outra cría e tronzaronlle as patas ao macho, que non se moveu de aí, ata que veu a policía, e o retiraron nunha caixiña de cartón".
Tratábase de persoal do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotorredondo que se levou ao animal para o seu tratamento veterinario.
Estes cidadáns pretenden activar unha alerta para evitar este tipo de accións vandálicas, seguindo o exemplo doutras iniciativas similares xurdidas noutros concellos como Oleiros.
O primeiro obxectivo é "axudar a coidar ás dúas crías que quedan", ademais pretenden denunciar aos responsables desta ataque a estes animais, para o que piden a colaboración daquelas persoas que poidan achegar algunha información ao respecto. E finalmente reclaman ás autoridades, en primeiro lugar ao Concello, vixilancia e colaboración, para que aumente a poboación de cisnes neste ámbito.